martes, 10 de abril de 2012

Torta de Finuca en Breogán

Hoxe reunímonos de novo as mulleres doces e calceteiras, e desta vez tocou en Breogán. Non tiña moi claro que lles ía ofrecer tendo en conta que eu de calceta vou forte pero na repostería son unha principiante ao carón da Cris e da María. Finalmente decidínme por un clásico que sempre atina; a Torta de Finuca, que é a miña tía, cociñeira e reposteira aventaxada. É unha torta moi doadiña de facer (uns 20 min. de preparación), lixeira e moi saudábel. Aquí vai a receita:

TORTA DE FINUCA
Ingredientes:
-  3 ovos
- 1 iogur natural
- Unha medida de iogur de fariña blanca
- Unha medida de iogur de azucre
- Unha medida de iogur de nata
- 6 queixiños tipo "do caserío"
Preparación:
Nun bol, batemos os ovos e engadímoslle o iogur, a fariña, o azucre, a nata e os queixiños. Batemos mecánicamente. Preparamos un molde duns 24 cm. e non moi alto con manteiga e fariña para que a mistura non pegue, e vertémola no molde. Quecemos ben o forno antes de meter a torta, e cando esté ben quente poñemos o molde e deixámola 35 min. a 190º. Sacámola, deixámola enfriar, emplatámola e pa dentro! Mmmmmm, que boa!

TISANA
Desta vez misturei comiño, fiuncho e pasiflora (flor da paixón). Endozamos con mel. 

LABORES

Tiñamos tanto e tanto que contarnos das vacacións da semana anterior que o palique protagonizou a mañá, de feito somos un trío moi faladoiro :) Pero non estivemos paradas, non!
María, despóis de rematar a chaquetiña azul de bebé, ensinounos o seu proxecto de vestido de gancho que anda a argallar para a súa sobriniña L. A verdade é que a idea e o deseño son unha monada así que esperemos comparta no blogue o patrón algún día. 
Cris continúa co jacquard, que avanza xa estupendamente. Agora a técnica de pasar fíos está moi controlada pero a labor fica moi desigual posto que os comezos non foron tan bos e "reciñen" moito. A decisión foi a de desfacer e comezar de novo :( Cris, aínda sabendo que era a opción máis axeitada, non me fixo precisamente "a ola". Eu sei que non é moi popular desfacer o feito, pero animo sempre a que paga a pena rematar as labores con gosto. Na calceta ben sendo unha práctica que adoita a pasar a miúdo, así que é unha boa ensinanza quitarlle medo e acostumarse canto antes. 
Eu, pola miña banda, continúo coas xa eternas polainas para X. e B. Discúlpame que ando moi ocupada e non teño moito tempo nin folgos para darlle á labor, pero prometo rematalos en pouco tempo e colgarvos aquí o patrón (mais me vale!).
A mañá rematou coa desexada choiva, tal e como comezou. Emprazámonos para a semana que ven en Mondego así que as lambonas preñadas estamos de noraboa. Veremos que delicias argalla Cris...