lunes, 30 de abril de 2012

Irish Beret ou Boina Irlandesa


Hoxe toca pór un patrón de calceta e decidínme por unha das miñas últimas creacións, a boina irlandesa. Recoñezo a miña debilidade polos puchos, boinas, gorros e demáis. Sempre fun moi de puchos e boinas. Xa dende nena adoitaba ir coas boinas herdadas da miña nai ao colexio, costume que costoume mais dunha vacilada. Pero eu mantíñame firme coa teima de levar a testa coberta… E ata hoxe. Este patrón inventeimo eu, como case todo o que fago en calceta. Costoume tres intentos pero ó fin quedou unha boina ben linda.

 

Por certo! O outro día vendo por enésima vez O home tranquilo de John Ford (The Quiet Man – 1952), decateime de que a xente do pobo levaba postas boinas irlandesas, algo ben lóxico tendo en conta que a longametraxe transcorre nun poboíño de Irlanda ;) Poño aquí unha escea e que serva como homenaxe a unha longametraxe sublime dende o principio ata o fin. Ollade á boina que leva Maureen O'Hara, é tal cual este patrón.

PATRÓN

: Calqueira apropiada para estas agullas. Este modelo está feito coa Top Merino de Lanas Stop en cor marrón chocolate. Son nobelos de 100 g. e con un sobroume para a boina.
Agullas: Circulares, 2 pares. Un do 3.50 mm. e outro de 5.00 mm. Un imperdible.
Medidas: Contorno medio de testa duns 58 cm.
Dificultade: Intermedia.

 
Este patrón é básicamente un círculo que crece e que despóis decrece. Un bo consello é pór un imperdible no punto primeiro, para saber cando comeza a pasada (nas agullas circulares as veces custa sabelo).

A primeira parte ou crecente: Nas agullas do 3.50 mm. montamos 70 puntos e facemos 6 pasadas a punto elástico 1/1 (1 punto do dereito e un punto do revés). Cambiamos ás agullas do 5.00 mm. e facemos unha pasada a ponto liso (todos os puntos do dereito). Na seguinte pasada a punto liso aumentamos 14 puntos repartidos (1 punto cada 5), total 84 puntos. Facemos outras tres pasadas a punto liso. Despóis aumentamos de novo outros 26 puntos repartidos, (1 punto cada 4 ou 1 punto cada 3 alternando), total temos 110 puntos. Facemos seis pasadas mais a punto liso.

 
Segunda parte ou decrecente: Dividimos o círculo en porcións como se tratárase dunha torta. Como teño 110 puntos divido en nove partes ou porcións. E comezo a menguar durante toda a pasada (calcetar dous puntos xuntos) 1 punto cada 11. Fago dúas pasadas a punto liso e na seguinte menguo 1 punto cada 10. Outra vez dúas pasadas a punto liso e na seguinte menguo 1 punto cada 9. E isto así sucesivamente ( 2 pas. lisas e 1 punto cada 8, 7, 6, …, 3). Despóis de menguar 1 punto cada 3 xa temos poucos puntos e podemos pechalos.

Remate: Rematamos cosendo con agulla de lá todos estes puntos xuntos. Facemos un pompón e cosémolo.

E xa podemos lucir a nosa preciosa boina irlandesa. Espero que gostárades...
Ata a próxima, calceteiras!