Mostrando entradas con la etiqueta pompón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pompón. Mostrar todas las entradas

sábado, 16 de junio de 2012

Móbil de pompóns

Ao fin está rematado!
O móbil para X. e B. xa está pendurado, meneando, aledando...
E a verdade é que vendo o froito pagou moito a pena, estou moi satisfeita. O deseño tíñao na testa fai tempo pero nunca pensara que ía ficar tan lindo, velaquí unha primeira imaxe para que opinedes vós mesmxs.

Materiais
- Lás para facer os pompóns. A escolla.
- 3 listóns de madeira de 10x15 mm. de escuadro e 1.00 m. de lonxitude.
- Roio de sedela ou tanza de pescar.
- Perforadora de papel.
- 1 envase de iogur.
- 1 agulla de coser.
- Cola blanca de madeira.
- Serra de marquetería.
- 2 m. de corda.
- 1 tesoira.
- 1 cáncamo aberto.

Execución
Primeiro de todo temos que facer os pompóns. Para quen non saiba como se fan aquí póñovos un enlace cun tutorial ben clariño: video pompóns. Tratándose dun móbil para mellizos eu animeime moito e fixen como uns trinta pompóns. Pensade que a medida final da estrutura de madeira é de 75x75 cm! Pero poderedes adaptalo a calqueira dimensión, abofé que si!
O sistema para penduralos que escollín eu é o da sedela. É moi resistente e visualmente é case transparente. O problema plantexóuseme para facer que non escorregara o fío polo pompón, e ocorríuseme o do iogur e a perforadora. Perforei o envase de iogur para ter pequenos circuliños de plástico, tantos como pompóns. Fíxenlles un pequeno furado con axuda da agulla para poder pasar o fío de sedela. Despóis un pequeno nú no fío e xa se poden pendurar os pompóns sen medo a que escorregue o fío. :)
Para facer a estrutura de madeira cortei dous dos listóns da dimensión principal, ou sexa 75 cm. Fíxenlle un rebaixe a un deles no medio e encoleinos en forma de cruz. Con axuda da corda (escollín corda de algodón da de facer macramé) anudei a unión para que ficara máis firme. Sobráronme dous anacos de 25 cm. que encolei a 1/3 dos extremos de un dos listóns principais, tamén en perpendicular. Co terceiro listón tallei dous anacos iguais de 50 cm., e encoleinos a 2/3 dos extremos, tamén en paralelo aos outros. Xa está feita a estrutura. :)
Para colocar os pompóns non seguín unha orde. Fíxeno totalmente a ollo combinando as cores e regulando as alturas sobre a marcha. O que sí fixen foi separar os nús nos listóns cunha distancia mais ou menos regular. Para fixalos aos listóns usei o nú as de guía, un dos meus favoritos a tracción. Encolei cada nú aos listóns para unha fixación máis segura.
E por último, coa corda de algodón fixen catro nús (de novo o as de guía) para suxeitalo ao teito. Un cáncamo para a fixación e xa está. Velaquí unha galería de fotos de mostra.

 Verdade que ficou lindo?

Isto foi todo por hoxe. As docecalceteiras reúnense de novo esta semana que ven, e pode ser a derradeira de antes do verán xa que rematan as escolas e guarderías, e ademáis X. e B. están por chegar en calqueira intre. Que emoción!

Agora xa poden chegar cando queiran, teñen listo o seu móbil de pompóns ;)

Deica a próxima!

p.d. Aviso a deseñadorxs de Inditex ou similares. Esta páxina e todo o seu contido ten licencia C.C. Grazas