Mostrando entradas con la etiqueta torta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta torta. Mostrar todas las entradas

miércoles, 16 de mayo de 2012

Torta de mazá ou de Mari Paz

Xa tocaba unha torta de mazá, verdade que si? Esa froita que sempre senta ben. 
Non é casual que fora escollida para representar a froita prohibida, de feito é a única froita que pódese tomar na mañá, no meiodía, na noite, cociñada, en crú... A froita con máis versatilidade! Que perigo, non? ;)
Ben. Pois foi que o outro día, falando coa miña amiga Susana, saiu na conversa o tema doce e recomendoume unha torta que se fai na súa familia desde sempre. De aí o nome de Torta de Mari Paz, a súa nai e autora da receita. É lixeira, doadísima de facer e moi, moi rápida. E hoxe coa nosa reunión calceteira e con esta calor, así fresquiña entrounos fenomenal.

TORTA DE MAZÁ
Ingredientes:
- 4 Ovos
- 4 Iogures
- 4 Culleiradas rasas de fariña
- 4 Medidas de iogur de azucre (eu puxen dúas e chéganlle ben)
- Marmelada de melocotón
- Manteiga e fariña para o molde

Preparación:
Nunha cunca grande misturamos os ovos, iogures, fariña e azucre. Batemos mecánicamente ata ter unha masa líquida uniforme. Quecemos o forno a 200º e mentres preparamos o molde duns 24 cm. e non moi alto con manteiga e fariña para que a mistura non pegue. Vertémola no molde e decoramos con mazá pelada toda a parte superior da torta. Metémola no forno e deixámola cociñar 20 minutos. Pasado este tempo sacámola e dámoslle unha capa de marmelada de melocotón por riba e outra vez para o forno. Desta vez 5 minutos coa grella superior para tostar por riba. Témola!

Coas labores Cris xa rematou a parte de pasafíos para o seu bolso. A que está ben lindo? Agora xa comezou a montar a outra parte, que quere leve oitos posto que está desexando aprender a facelos. Pensou nun deseño tamén bicolor cun oito central. De seguro quedará lindo.
María continúa deseñando e probando para facerlle un chaleco ao seu S. Despóis de facer as mostras de puntos xa ten máis claras as medidas. De momento vai cun elástico de punto de arroz (encántalle este punto) cun fío de algodón en branco ben lindo. Veremos...
E eu ando argallando co meu móbil para os pequerrechos a base de pompóns. Pomponeando todo o día xa teño como unha veintena. Hoxe Cris decíame que xa eran suficientes pero eu non o teño tan claro. Penso que teño pensamento duplicado con isto dos mellizos, hehehe. Uns poucos mais... 

O de sempre! Calceta, saúde, amor, e agarimos e doces! 



martes, 10 de abril de 2012

Torta de Finuca en Breogán

Hoxe reunímonos de novo as mulleres doces e calceteiras, e desta vez tocou en Breogán. Non tiña moi claro que lles ía ofrecer tendo en conta que eu de calceta vou forte pero na repostería son unha principiante ao carón da Cris e da María. Finalmente decidínme por un clásico que sempre atina; a Torta de Finuca, que é a miña tía, cociñeira e reposteira aventaxada. É unha torta moi doadiña de facer (uns 20 min. de preparación), lixeira e moi saudábel. Aquí vai a receita:

TORTA DE FINUCA
Ingredientes:
-  3 ovos
- 1 iogur natural
- Unha medida de iogur de fariña blanca
- Unha medida de iogur de azucre
- Unha medida de iogur de nata
- 6 queixiños tipo "do caserío"
Preparación:
Nun bol, batemos os ovos e engadímoslle o iogur, a fariña, o azucre, a nata e os queixiños. Batemos mecánicamente. Preparamos un molde duns 24 cm. e non moi alto con manteiga e fariña para que a mistura non pegue, e vertémola no molde. Quecemos ben o forno antes de meter a torta, e cando esté ben quente poñemos o molde e deixámola 35 min. a 190º. Sacámola, deixámola enfriar, emplatámola e pa dentro! Mmmmmm, que boa!

TISANA
Desta vez misturei comiño, fiuncho e pasiflora (flor da paixón). Endozamos con mel. 

LABORES

Tiñamos tanto e tanto que contarnos das vacacións da semana anterior que o palique protagonizou a mañá, de feito somos un trío moi faladoiro :) Pero non estivemos paradas, non!
María, despóis de rematar a chaquetiña azul de bebé, ensinounos o seu proxecto de vestido de gancho que anda a argallar para a súa sobriniña L. A verdade é que a idea e o deseño son unha monada así que esperemos comparta no blogue o patrón algún día. 
Cris continúa co jacquard, que avanza xa estupendamente. Agora a técnica de pasar fíos está moi controlada pero a labor fica moi desigual posto que os comezos non foron tan bos e "reciñen" moito. A decisión foi a de desfacer e comezar de novo :( Cris, aínda sabendo que era a opción máis axeitada, non me fixo precisamente "a ola". Eu sei que non é moi popular desfacer o feito, pero animo sempre a que paga a pena rematar as labores con gosto. Na calceta ben sendo unha práctica que adoita a pasar a miúdo, así que é unha boa ensinanza quitarlle medo e acostumarse canto antes. 
Eu, pola miña banda, continúo coas xa eternas polainas para X. e B. Discúlpame que ando moi ocupada e non teño moito tempo nin folgos para darlle á labor, pero prometo rematalos en pouco tempo e colgarvos aquí o patrón (mais me vale!).
A mañá rematou coa desexada choiva, tal e como comezou. Emprazámonos para a semana que ven en Mondego así que as lambonas preñadas estamos de noraboa. Veremos que delicias argalla Cris...

viernes, 16 de marzo de 2012

Breogán e unha torta de laranxa

Comezamos a nosa andadura por estes mundos dos blogues e seica tocoume inaugurar a min (Eva) as entradas que faremos a partir de xa. Así que sorte e alá imos! :)

Reunímonos en Breogán e como anfitriona elaborei o doce do día e mais a tisana. O doce foi unha loubada torta de laranxa, feita a partir dunha receita modificada de torta de mandarina. Aquí na foto podedes ver o aspecto final, apresentada cuns narcisos agoreiros de primaveira, e mais a deliciosa boneca que me regalou Cris a semana pasada. Falaremos dela nunha futura entrada, que ben a merece.  

 
TORTA DE LARANXA
Ingredientes:
- 4 ovos.
- 6 culleradas de manteiga.
- 80 gr. de azucre.
- 200 gr. de biscoitos secos.
- 2 culleradas de licor de laranxa.
- 100 gr. de nata líquida.
- 1 kg. de laranxas (4 pezas aproximadamente).
- Un pouco de fariña para o molde.

Preparación:
  1. Por unha banda, desfacemos coas mans os biscoitos nun bol e engadímoslle unha clara de ovo, a nata, a manteiga e o licor. Remexemos o conxunto para que os biscoitos vaian chuchando e amolecendo un pedazo.
  2. Por outra, batemos o resto dos ovos co azucre ata que collan un punto de neve, e engadímoslle a pel raiada dunha laranxa e o zume de outras dúas. Botamos esta mestura no bol dos biscoitos. Batemos mecánicamente.
  3. Quecemos o forno uns dez minutos a 190º e entrementres untamos un molde duns 24 cm. non moi alto con manteiga e fariña para que non pegue a torta.
  4. Vertemos a mestura no molde e empregamos as outras dúas laranxas para decorar a torta.
  5. Metemos o molde no forno e deixámolo cociñar 45 minutos. Deixámolo enfriar, desmoldámolo, enpratámolo e xa está listo para xantar :)
TISANA
Mesturei té vermello, estruga (ortiga) e pasiflora. Endozamos cun pouco mel. Estaba moi boa! :)

CALCETA
Hoxe acaparou a xornada a posta en marcha do blogue, así que a calceta non foi protagonista. De tódolos xeitos tivemos un pedaciño para adicarlle ao novo proxecto de María. Unha bonita chaqueta de bebé da que falaremos noutra entrada. Tiñamos un "expediente X" ben interesante e fomos quen de solucionalo. Pero, como xa dixen, esta é outra historia e contarémola outro día. Por hoxe xa chegou.


Próxima reunión, mércores 21 de marzo en Mondego.
Apertas, saúde, amor, doces e calceta!